O ACUARIO DA ESCOLA

Como algúns xa sabedes, dende o pasado outono temos na escola uns novos e pequechos compañeiros. Eles fan a súa vida no novo acuario, ubicado dentro da cristaleira que está ao carón da sala de profesores de Primaria.

Coñezamos un pouco a estes nosos novos amigos:

Escorpión de auga (Nepa cinerea): insecto que, a pesares do seu nome, non é perigoso. Recibe este nome porque ao final do seu abdome ten un tubiño que recorda ao aguillón dun escorpión; sen embargo non pica, simplemente lle serve para respirar osíxeno fóra da auga, xa que non posúe branquias senón a característica respiración traqueal dos insectos. Tamén posúe unhas pinzas (patas anteriores) que emprega para cazar. Vive en augas doces, sendo un importante depredador das charcas ou estanques. Aquí unhas imaxes dos nosos:

Escorpión de auga_Nepa cinerea Escorpión de auga2

Ninfas de cabaliño do demo: insectos, emparentados coas libélulas, cuxa fase xuvenil é acuática! Veredes que ao final do abdome ten 3 láminas: son as súas branquias. Son temidos depredadores en charcas, regatos, etc. Para cazar “lanzan” velozmente unha mandíbula prensora chamada máscara. Para medrar realiza varias mudas: mentres renova a súa dura “carcasa” ou exoesqueleto pode medrar. A “muda” que queda é idéntica ao individuo… só que está baleira! Chegado o momento, a ninfa rube por unha planta, pao, etc para saír da auga e alí permanece até que da ninfa emerxe o belo adulto que xa coñecemos. Adoitan vivir até uns 6 meses.

IMG_5780       IMG_4518

Larvas de píntega común: anfibios con cola (urodelos) que comezan o seu ciclo vital na auga (as larvas posúen branquias; fíxate, están á altura do «pescozo») pero que adoitan ter como adultos unha vida terrestre (teñen respiración cutánea, é dicir, pola pel, e coa metamorfose desenvolven uns ineficaces pulmóns). Tanto é así que, aínda que como todo anfibio son moi depedentes da humidade para sobrevivir, se caen cando son adultas nunha charca poden chegar a morrer afogadas. As larvas desenvólvense na auga durante os primeiros 3-4 meses da súa vida, mais os adultos poden chegar a vivir entre 20-30 anos.

Necesitan vivir en augas limpas, sendo bos bioindicadores da calidade da auga.

Atentos!: hai que ter en xeral moito coidado cos anfibios xa que actualmente sobreviven a unha situación medioambiental complicada para eles (ex: moi sensibles á radiación ultravioleta, contaminación, introdución de especies invasoras depredadoras como o cangrexo americano, etc). A súas poboacións están diminuíndo de xeito drástico a nivel mundial. 

Píntega2

Píntega