Fíxate na foca. Parece que vai saír da pantalla!
Estamos xa acostumados a ver filmes en 3D. Estes teñen uns efectos incribles mais para conseguilos temos que empregar lentes polarizadas, mentres que este GIF consegue unha sensación de profundidade moi boa só cunha pantalla normal.
Queres saber como funcionan?
O noso cerebro coñece as distancias dos obxectos que ve grazas a que as imaxes que perciben os nosos ollos non son iguais. Debido a esas pequenas diferenzas é capaz de resolver mentalmente un problema de trigonometría “calcular a distancia a un punto inaccesible coñecendo os ángulos dende dous puntos de distancia coñecida”.
Entón, como poden conseguir este efecto estes GIF sen empregar esta técnica? Pois a resposta está na nosa cabeza. Dende pequenos aprendemos a procesar as imaxes que perciben os nosos ollos o máis rápido posible. Para conseguilo, o noso cerebro aprende, por exemplo, que un obxecto que se vai facendo máis grande é porque se está achegando ou que as rectas paralelas que se cortan na realidade nun punto do infinito chamado “punto de fuga”, punto moi coñecido para quen debuxa en perspectiva.
Nestes GIF o que ocorre é que o noso cerebro asume que as liñas brancas están diante da escena xa que a tapan. Cando un obxecto que se vai facendo máis grande, de súpeto oculta unha liña branca é porque agora está moito más cerca de nós. Desta forma percibimos que unha parte da imaxe está moito máis lonxe de nós que outra creando esta sensación de volume.
Pódese reforzar o efecto se se engade un filtro de desenfoque ao fondo xa que sempre vemos máis enfocado o que está á mesma distancia que o que atrae a nosa mirada, mentres o que está máis lonxe ou cerca vese máis desenfocado.
SplitDepthGIFS é o nome que teñen estas animacións. Anímote a buscar información e crear o teu propio GIF para que o compartas con nós.