Enerxías: saída a SOTAVENTO

O pasado mes de Abril os alumnos/as de 2º ESO realizaron unha saída ao parque eólico experimental SOTAVENTO, sito entre as provincias de A Coruña e Lugo, co obxectivo de reforzar, e experimentar de cerca cuestións relacionadas co relevante tema da enerxía.

Nas instalacións do parque puidemos acceder a diversas aprendizaxes: situación actual no emprego de fontes de enerxías renovables e non renovables, finalidade do parque experimental, estrutura e funcionamento dos aeroxeradores, utilidade da enerxía solar, cuestións de eficiencia e aforro enerxético, etc.

Sen lugar a dúbidas, a visita á vivenda bioclimática non deixou a ninguén indiferente. Foi un grande recurso que nos permitiu tratar unha morea de coñecementos. Pero sobre todo serviunos para recordarnos o importante e sinxelo que en verdade é “facer as cousas con cabeza”, tal e como xa facían os nosos devanceiros: aplicar a lei do sentido común para crear fogares cómodos, minimizando ao tempo o seu impacto ambiental.

Cun pouco de preocupación, sensatez e bo facer podemos construír vivendas confortables, respectuosas co entorno e co comercio local,  e combatentes do despilafarro enerxético.

Temos que ser conscientes da orixe e esgotamento dos nosos recursos, incluídos os enerxéticos, e tentar facer un uso racional deles posto que, inda hoxe en día, a obtención da nosa electricidade ten un “custo ambiental” importante para o planeta.

Coma xa sabemos, é importante o que cada un de nós fai de xeito individual: a suma de pequenos xestos pode conlevar a un grande cambio.

Para comezar, varias alumnas animáronse a facer de xeito voluntario un texto sobre a súa experiencia no parque. Aquí compartimos o seu bo facer:

MARÍA RAMOS (2ºA)

“Este luns fixemos unha saída ao centro Sotavento, un parque eólico no que nos explicaron os intereses que teñen para mellorar o noso entorno e que nun futuro haxa un mellor mundo.

Durante a introducción ao tema, déronnos uns datos moi interesantes acerca das enerxías renovables en España.

Aquí, temos todas as enerxías renovables: vento, mar, río, Sol e biomasa.. Pero, aínda así, gástanse 1.000.000 de euros cada 10 minutos en enerxías non renovables, moitas de outros países.

Neste parque constan de 10 marcas diferentes de muíños ou aeroxeradores, xa que se trata dun programa de experimentación; intentan saber cal das marcas funciona mellor ou ten maior aproveitamento da enerxía eólica.

O que nos ensinaron a nós durante o resto da saída, á parte dos muíños e os seus interiores, foi unha casa bioclimática. Sistemas tan sinxelos e antigos como galerías e solo radiante que cun pouco de tecnoloxía, fan una casa bioclimática, útil, e que non é daniño para o medio ambiente.

Durante a saída, explicáronnos moitísimas cousas que, á parte de ser intelixentes, te fan darte conta do pouco sentido que teñen outras cousas que facemos hoxe en día, cando xa os nosos antepasados facían xusto o que agora axudaría moito ao noso medio.

Aprovéitanse dende os raios de luz do Sol ata os restos de pólas dos montes, para usar biomasa e quentar a casa. E con desactivar todos os aparatos electrónicos pola noite, se aforrarían miles e miles de euros en España!

Grazas a este pequeno viaxe, creo que tanto eu coma todos os meus compañeiros somos moito máis conscientes acerca da preocupación que falta hoxe en día pola contaminación e polas enerxías non renovables. Unha saída do máis interesante!”

ANA PACHÓN e ALBA GÓMEZ (2ºB)

“O parque eólico está xusto na fronteira entre Lugo e A Coruña. Ten un edificio que é un museo e que consta dun auditorio onde nos deron unha charla sobre o parque. Había un campo moi grande con aeroxeradores nun lado (Lugo) e na parte de A Coruña atopábase o edificio central, uns paneis solares, un almacenamento de hidróxeno, unha casa bioclimática e un cobertizo con pezas dos aeroxeradores.

O almacenamento de hidróxeno serve para que non se desperdicie a enerxía que producen os aeroxeradores pola noite, xa que ninguén a precisa nese momento. Isto deberíano facer todos os parques eólicos para non ter que parar os aeroxeradores.

A casa bioclimática é unha casa adaptada ao medio natural. Consta dunha galería que ten madeiras colocadas estratexicamente para que no verán estea a casa fresca e no inverno, quente. Por exemplo, está situada cara ao norte. Ademais, cara o leste, por onde sae o sol, ten que estar a cociña, que é ao primeiro sitio ao que imos pola mañá; ao oeste deben estar os cuartos para que pola noite queden quentiños; ao norte, a galería para que todo o día quente ao resto da casa; e como no sur nunca dá o sol, o trasteiro. Tamén, para que non se arrefríe, está medio soterrada nunha colina con arbustos na parte alta: un parapeto (vento de sotavento).

Por dentro ten distintos sistemas para que, por exemplo, se aforre auga poñendo un aireador (mestura máis aire e sae menos auga: menos gasto); ou sistemas de ventilación que son dous buratos na parede, un arriba e outro abaixo. Por un sae aire quente (arriba) e polo outro entra aire frío (abaixo).

Despois ten un solo radiante para que estea sempre quente a casa e non ten radiadores debaixo das fiestras para que a calor non se escape por alí. E no troco de usar gasóleo, utilizan pelets, que saen dos bosques de Galicia.

Tamén entramos nun aeroxerador. Era moi estreito e alto (45 m). Só puidemos subir tres metros, pero foi suficiente. Arriba había botóns para apagalos, por exemplo.

Ao final fixemos chocolate cun panel solar térmico que reflictía os raios solares e así quentábao. Tardou unhas tres horas.

Foi unha saída na que non só aprendimos moito, senón que o pasamos xenial.”

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Toca compartir impresións, reflexións e coñecementos:

A) Que aprendizaxe, sobre aforro e eficiencia enerxética, resaltarías da visita á vivenda bioclimática?

B) Pasamos á acción!   Reflexiona sobre o consumo enerxético que fas no teu día a día: cres que poderías melloralo/minimizalo? En que modo?

0 comentarios en “Enerxías: saída a SOTAVENTO

  1. María Ramos dijo:

    Sen ningunha dúbida, da casa bioclimática resaltaría tanto a orientación como as galerías, xa que en conxunto fan que o sol poida quentar unha casa de forma lóxica e eficiente.
    Na miña vida cotiá creo que debería fixarme máis nas cousas pequenas, como enchufes conectados sen cargar nada, algunha luz que se deixa encendida e daste conta uns minutos despois… Sen dúbida, todo conta! E diso dinme conta nesta mesma saída…
    Cos nosos graniños, poderemos facer un castelo de area se o intentamos!
    Un saúdo!

  2. Jorge Oseira dijo:

    Aprendimos a como manter a casa quente e aforrar en todos os bens das nosas vivendas.
    Tamén nos ensinaron como podiamos ter colocadas as habitacións da vivenda para que se quentasen co sol cando era necesario e non depender tanto da calefacción.

    Na casa aforramos os bens necesarios. Pero grazas a esta saída puiden ver que aínda se pode aforrar máis. Por exemplo, eu non lle prestaba atención ó dos cargadores (se os deixas enchufados gastan enerxía) ou ó das billas (gástase moita auga se as deixas abertas cando te lavas os dentes, por exemplo). Grazas á visita agora doulle máis importancia ó aforro de enerxía.

  3. Pedro Melús Caneda dijo:

    O que máis chamou a miña atención da vivenda bioclimática foi a disposición das habitacións, orientadas coa intención de aproveitar ao máximo a enerxía solar. A cociña debe estar orientada a onde sae o sol, xa que é a primeira habitación na que estamos no día. Na parte central da casa atoparase a sala de estar ou o comedor, que é a zona na que estamos a maior parte do día cando nos atopamos na vivenda. Por último, os dormitorios estarán orientados á zona pola que se pon o sol, e así cando vaiamos durmir a habitación estará quente polos último raios do día.
    Nós, no día a día, utilizamos a enerxía sen parar, e como non, sen pensar o que estamos a consumir. Facemos un uso irracional da enerxía, consecuencia de malos hábitos. Como exemplos podemos citar o costume de deixar a luz acendida en habitacións nas que non estamos, ter móbiles cargando cando xa están cargados ou manter aparellos electrónicos conectados sen necesidade (como os televisores en stand-by).
    Por iso eu convídovos a pensar canto gastades vós e as vosas familias, e darédesvos conta de que somos uns monstros devora enerxía.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *