Farmacia Natural (1º ESO): fase de identificación

Xa pasou ao redor dun mes dende que botamos as sementes das diferentes especies medicinais e, inda que algunhas están moi desenvoltas, este ano, en xeral, lles está a costar agromar.

E iso a pesar de que, de xeito voluntario, os rapaces están a cumprir, en xeral, moi ben coas quendas para o regado.

 

Vai uns 15 días transplantamos os brotes a un recipiente maior e aproveitamos para facer, nas macetas aletargadas, unha 2ª sementeira… a ver se así conseguimos sacar máis plantiñas adiante.

O día do transplante foi moi intenso: había certos nervios por se mancabamos as plantas, pero todo saiu á perfección.  Ademais puidemos empregar o “compost made in Rosalía de Castro”!

Á fin viuse recompensado o pequeno esforzo que facemos, ao longo do curso, para recoller os restos orgánicos das merendas e levalos aos diferentes composteiros. Sempre é impactante ver no que se transforma o noso lixo orgánico… aquilo era terra… e cheiraba a terra! (seica sempre lles costa crer que nalgún momento a mole de residuos vai deixar de cheirar mal  🙂  ).

Seguimos esperando a que as nosas plantas medren un pouquiño máis, pero algúns alumnos xa conseguiron identificar a súa planta incógnita! Polo de agora sabemos que temos:  alfábega,  tomiño, dente de león, macela, verbena, ourego e cilantro… mais queda bastante por identificar.

Seguiremos informando.