Blog-reportaxe sobre a compostaxe escolar, por Nacho Cagiao

 IMG_2389«Non hai descanso para o ecoloxismo»

Xa volve empezar un novo curso na nosa escola e á vez comezan os exames, as tardes cheas de deberes e os madrugóns. Pero tamén volve comezar a nosa labor de axudar á Natureza, porque este proxecto, co que xa levamos uns anos, vólvese a poñer en pé  e vai pisando forte.

Os alumnos da ESO xa están a colaborar, axudando na súa tarefa principal no proxecto ecolóxico escolar de COMPOSTAXE. E cal é a nosa labor? Moi fácil: como xa saberedes a escola ten una pequena horta ecolóxica, o que quere dicir que non se utilizan fertilizantes artificiais ou químicos, que poidan prexudicar os alimentos ou ao seu entorno. Por iso, para que as nosas plantas medren sas e con forza, necesitamos utilizar algún fertilizante natural, como o é o abono… E aquí é onde interveñen os alumnos da escola, pois para obtelo temos que seguir un pequeno proceso no que todos participamos.

O abono conseguímolo dos restos orgánicos das merendas de media mañá dos nenos e nenas de Educación Infantil, que son recollidos polos alumnos da ESO tres veces á semana e levados aos composteiros: dous cubos onde se descompoñen os restos xa comentados anteriormente.

Pero non son iguais ambos composteiros… Primeiro temos o que directamente chamamos ”composteiro”, sen máis, que é onde a materia orgánica pasa a ser abono co paso do tempo. E despois está o “vermicomposteiro” onde os restos da merenda son descompostos e transformados en fertilizante coa axuda de vermes, de aí o seu nome. Estes non só fan máis rápido o proceso, senón que coas súas feces se consegue un abono mellor e máis rico en nutrientes para a horta.

Persoalmente, como alumno da ESO que son, teño que afirmar que esta non é a tarefa máis bonita ou divertida que poida realizar, pero o que si podo dicir é que paga a pena o pequeno esforzo que todos facemos polo gran produto final que obtemos.

Grazas ao compost que xeramos na Escola as verduras e hortalizas medran con forza. Ademais, este alimento logo é ofrecido a comedores sociais da cidade para axudar un pouquiño ás persoas máis desfavorecidas… e iso supera calquera cousa!

IMG_2391