Hoxe tivemos o pracer de compartir o día con Amanda, voluntaria do Instituto Jane Goodall (IJG) en Senegal, onde desenvolve o seu traballo de campo para a protección e conservación dos poucos chimpancés que quedan no país.
Ademais de falarnos da súa experiencia directa no ámbito da primatoloxía, explicounos unha morea de detalles vinculados ao IJG e a unha das súas campañas, Mobilízate Pola Selva, na cal a Escola participa dende o curso pasado coa recollida de móbiles en desuso co obxectivo de recuperar o coltan que conteñen.
Relacionado con esta campaña, Amanda ilustrounos e explicounos con detalle as problemáticas sociais (conflitos bélicos, explotación infantil, etc) e ambientais (destrución do hábitat de chimpancés, gorilas e outras especies) ligadas á explotación deste cobizado mineral, especialmente na R.D do Congo; concienciándonos da necesidade da reciclaxe e reutilización do coltan presente nas nosas tecnoloxías. Mais tamén nos falou da importancia doutros proxectos que o IJG desenvolve en varios países.
Os cartos que a organización obtén ao través da reciclaxe dos móbiles, amadriñamentos, soci@s, etc empréganse tanto para manter os centros de rehabilitación para os chimpancés coma para financiar outros proxectos, por exemplo educativos, nos países nos que están.
Agradecemos enormemente o tempo que, voluntaria e altruistamente, Amanda nos adicou. A súa paixón e adicación levouna a vir hoxe expresamente dende A Coruña, durante os seus días de vacacións (nunha semana regresa a Senegal), para compartir o seu coñecemento e experiencia connosco, atendendo ás dúbidas e curiosidades d@s nos@s cativ@s, dende 5º Primaria até 3º ESO incluídos.
Recollemos o sementado: seguiremos concienciando e participando destas accións colectivas e solidarias que fan do mundo un lugar mellor, e sobre todo máis xusto.
Moita sorte na túa travesía e até a próxima!