No ano 1815 naceu en Londres unha nena, filla de nobres, destinada a vivir no palacio real e a disfrutar de festas sen fin. Pensaron para ela un nome de princesa e chamárona Ada, pero cando tiña dous meses o seu pai, George Gordon Byron, divorciouse da nai, a fermosa Anne Isabella. Esta gardoulle sempre rancor, non soamente a el, senón tamén á literatura, posto que o seu oficio, o do pai, era poeta, un deses románticos un pouco tolos que estaban de moda nese tempo.
Dende moi cativa a Ada empezáronlle a interesar os números, cousa que facilitou o afán da nai por apartala da poesía e levala polo camiño das matemáticas. E así comezou a historia dunha rapaza destinada a ser unha importante, aínda que descoñecida para moitos, pioneira da informática.
A nai de Ada tiña moitos contactos e aproveitounos para educar nas ciencias á súa filla. Foi a súa mestra de matemáticas, Mary Somerville, quen na adolescencia púxoa en contacto cun importante personaxe da época, chamado Charles Babbage. Este ensinoulle a Ada a súa máquina diferencial, capaz de facer cálculos complexos,e, para a súa sorpresa, ela comprendeu á perfección o seu funcionamento.
Aínda que era moi nova, por entón xa estaba casada con William King-Noel, conde de Lovelace, e tivera tres fillos. Seguía escribindo, lendo e estudando. Un día, axudando a Babbage nos seus cálculos, introduciu neles as súas propias propostas e suxeriu empregar tarxetas troqueladas na máquina analítica. Sen case decatarse, estaba a crear unha linguaxe para entenderse coa máquina e ordenarlle facer cálculos complexos.
Desgraciadamente Ada King morreu moi nova por causa dun cancro e non tivo oportunidade de ver construída a máquina de Babbage, quen tampouco a viu rematada. Pero en certo modo, como pasa sempre cos que fan algo importante para a sociedade, a condesa Lovelace segue viva na linguaxe de programación que leva o seu nome e considérase unha precursora da informática. Aquela neniña do século XIX á que lle gustaban as estrelas, a música e os versos, non foi poeta porque a súa nai axudouna a entender outra maxia, a dos números, capaces de facernos comprender o mundo e de falar coa ciencia. Augusta Ada Byron King, que podería ser a protagonista dun conto, foi unha realidade que deberiamos lembrar para non ser inxustos co noso pasado.
Lord Paul