Tres meses atrás, así comezabamos a coñecernos, a romper o xeo e traballar na Anatomía… “empapelando alumn@s”!
Coma ocorre en tódolos comezos de curso: moitas inquietudes, incertezas e nervios… pero nada mellor que comezar con unha dinámica que nos permitise estar relaxados e aprendendo, ou repasando conceptos previos, dende o ensaio-erro e o divertimento.
Recordo cun sorriso eses primeiros encontros e agradezo a boa dispoñibilidade do grupo, dende o inicio, para lanzarse con ganas ao baleiro, coma un equipo.
Polo camiño, embebémonos nun bonito proxecto artístico no que tivemos que investigar sobre os diferentes tipos de células que forman os nosos tecidos, e polo tanto órganos, e facer de modelos para recrear un autorretrato moi especial… pero isto merécese unha entrada á parte.

Dinámicas varias, ao través dos temas, fóronnos facilitando o achegamento aos contidos dun xeito máis ameno e, se cadra, eficaz. Pero unha vez avanzados en temario, tamén aproveitamos un par de sesións para abrirlle un oco á histoloxía e facer prácticas de observación de tecidos no laboratorio, tratando de achar as células que xa estudaramos (os diferentes e rebeldes tipos de miocitos!).

O certo é que é moi satisfactorio compartir o tempo con eles e ser partícipe da súa boa implicación e disposición. Así dá gusto! Moi ben traballado nesta 1ª avaliación, podedes estar orgullos@s!
Aproveitemos o parón, tamén preciso, para coller máis folgos e novas enerxías para o regreso.
Feliz despedida e comezo de ano!