Saída ao Espazo Natural da Ramallosa (1ºA): 2ª parte!

VIVINDO!

1ºESO B: saída ao espazo natural da Ramallosa

Esta semana puidemos desfrutar dun tempo marabilloso neste espazo natural con 1ºB.

A xornada foi moi fluída, interesante e chea de momentos de alegría compartida: ben feito equipo!

O alumnado foi quen de formularse preguntas interesantes sobre os ecosistemas nos que estabamos; curioseando, poñendo a proba a súa capacidade observadora e desenvolvendo a súa mente científica.

O tempo de merenda, sempre feliz, enriqueceuse cun pouco de xogo intrépido grazas aos diferentes recursos (carriolas improvisados, lianas, etc) que outros alí deixaron. Foi un tempo para cargarnos a tope da necesaria vitamina N (de Natureza)!

No regreso pola parte da praia, os equipos fixeron un gran traballo atopando unha morea de tesouros que logo compartimos e interpretamos. E seica non hai como coñecer/comprender aquilo que nos rodea para desenvolver a nosa sensibilidade e necesidade de protexelo.

Ao rematar, como agasallo final, un tempo para xogar todos xuntos, coma un gran equipo!

En breves volveremos para seguir coñecendo este espazo natural, no que imos traballar ao longo do curso, para coñecer os seu gran valor ecolóxico, as presións negativas ás que pode estar sometido, e colaborar na súa conservación.

Seguiremos informando!

1ºESO A: saída ao espazo natural da Ramallosa

Simplemente fluíndo. Tentando volver ao básico, á raíz. Sen máis pretensións que sentir, traballar en equipo e compartir, espertar os sentidos para aprender do que vemos, escoitamos ou tocamos… Agromar a curiosidade por aquilo que nos rodea e facernos preguntas e máis preguntas.

A Natureza é fonte de saber e aprendizaxe. Dela beben os libros. E a Ciencia conecta directamente coa curiosidade innata que posuímos, e coa capacidade que temos para analizar e deducir.

Hoxe vivimos unha luminosa xornada para levar a cabo a nosa primeira toma de contacto con este espazo natural do que tanto poderemos aprender e gozar. Nel traballaremos ao longo do curso, facendo todo o posible por analizalo, comprendelo e protexelo.

Queda iniciado o proxecto “Protexe o teu medio” no espazo natural da Ramallosa, pertencente á Rede Natura 2000 pola súa biodiversidade e valores ecolóxicos.

RETOMAMOS A CAMPAÑA “MOBILÍZATE POLA SELVA”

Chegou o tempo de retomar unha importante campaña escolar, da man do alumnado de 1º ESO!

Volvemos pór en marcha a recollida de teléfonos móbiles estragados ou en desuso para apoiar a campaña “MOBILÍZATE POLA SELVA”, promovida polo Instituto Jane Goodall.

O que anhelamos coa correcta reciclaxe dos nosos teléfonos móbiles é recuperar o coltan que conteñen, sendo este unha aliaxe de dous minerais que facilitan o desenvolvemento das nosas tecnoloxías, pero cuxa extracción do medio natural é unha fonte importante de conflitos en determinados lugares do mundo, tanto no social (guerra, abuso de poder, explotación infantil, maltrato, etc.) como no ambiental (destrución de ecosistemas de especies vulnerables, como por exemplo o chimpancé).  

Na clase abordamos o tema co alumnado para que puidese comprender a dimensión deste complicado problema, así como a importancia que teñen as nosas accións e as decisións que tomamos no día a día… porque, inda que ás veces se nos esqueza, é certo que todos podemos aportar o noso pequeno gran de area para axudar ou apoiar grandes causas.

O tema causou impacto neles, polo que nos encargaremos de dinamizar esta campaña ao longo do curso… iremos informando!

Polo de agora, atoparedes na entrada da Escola, ao carón da fotocopiadora, unha pequena caixa para deixar os vosos móbiles vellos.

É un detalle humilde, pero é, sobre todo, un punto de partida! E iso é motivador.

Sentíamos necesario sacala á luz agora que veñen tempos de agasallos. Tempos nos que facemos un consumo maior do habitual.

Recordade que só se recollen os teléfonos móbiles, non os seus cargadores!

Moitas grazas pola vosa atención e colaboración!

Para máis información sobre a campaña, podedes consultar entradas anteriores no blog:

«O veraniño de San Martiño»

Cos días que van non o podiamos evitar: velaí van unhas imaxes de 1º ESO A traballando e desfrutando do agasallo meteorolóxico propio do «veraniño de San Martiño»… Aproveitando as bondades do aire libre e traballo en equipo, antes de que volvan a baixar as temperaturas nos próximos días.

No outono, este cíclico fenómeno meteorolóxico adoita acontecer a mediados de Novembro, en torno ao día 11 (San Martiño), ofrecendo días despexados con temperaturas máis cálidas do habitual para a época do ano. Pero esta estabilidade anticiclónica dura pouco! Así que toca aproveitala antes de que dea paso ao frío invernal.

E nós de paso, con esta calorciña interna, e despois de resolver algúns problemas técnicos, aproveitamos para reactivar este curso o Blog de Ciencias da Escola.
Nos próximos días irán saíndo á luz pequenas historias de aula que no seu momento non puideron ser publicadas.
Benvid@s de novo!

Proxecto Ríos: mostraxe de primavera

Neste pasado mes de Maio, as dúas clases de 1º ESO puidemos realizar unha bela saída ao río Eifonso, para colaborar un ano máis coa xente da asociación ecoloxista ADEGA ao través de «Proxecto Ríos» (programa de estudo e conservación dos ríos galegos).

En outono fixemos a mostraxe cos alumn@s de 2º ESO, mais esta nova quenda de primavera estaba destinada @s alumn@s de 1º ESO!

Nas beiras do Eifonso, ademais de gozar dun día de clase no propio medio natural, afastados das habituais paredes, @s nos@s alumn@s puideron desenvolver un completo traballo de campo para valorar o nivel de calidade das augas do río e da contorna. Coma as veces anteriores fixemos un interesante estudo baseado sobre todo en:

  • estudo de macroinvertebrados
  • observación de especies exóticas invasoras: TradescantiaAcacia melanoxylon, calas, etc.
  • análise físico-químico das augas do río
  • observación de impactos medioambientais (estradas, lixo, etc.)

Os macroinvertebrados, ao igual que os liques, anfibios ou determinadas especies de aves, son bos bioindicadores, polo que o seu estudo resulta de gran interese para interpretar a calidade de vida do noso medio.

@s alumn@s quedaron sorprendidos coa grande biodiversidade de pequenos e curiosos seres que fan a súa vida no leito e beiras do río. Un fervedoiro de vida agochada esperáballes: ninfas de odonato (futuras libélulas), de efémeras (futuras moscas de Maio), de tricópteros (moscas peludas) coas súas especiais “casas”,  larvas de dípteros (moscas), oligoquetos, hirudíneos (sambesugas), etc. Incluso tivemos o privilexio de observar unha gran cantidade de cágados e xuvenís de varios anfibios! Realmente incrible.

En canto aos parámetros físico-químicos, puidemos analizar, con diferentes reactivos, o pH da auga, a cantidade de O2 disolto (fundamental para o desenvolvemento da vida) e a cantidade de nitratos (indicadores de contaminación orgánica das augas). Tamén medimos a Tª e transparencia da auga.

En ambas saídas, a conclusión da mostraxe foi que as augas do Einfonso son de MOI BOA CALIDADE. Atopamos un importante número de especies sensibles á contaminación e esixentes en canto á cantidade de O2 disolto nas augas se refire para a súa supervivencia.

Despois do traballo científico de campo, e dun tempo de lecer no río, aproveitamos para percorrer parte da senda do río e facer algunhas paradas para identificar algunha especie vexetal coas claves dicotómicas, escoitar aves, visitar muíños ou interpretar algunha curiosidade do entorno natural.

Sen lugar a dúbidas foi, unha vez máis, unha experiencia inesquecible!

O próximo curso, os mesmos grupos poderán voltar ao Eifonso para realizar as mostraxes de outono… cambiarán moito os resultados? Os resultados do traballo de campo dirán…

Agora tócavos a vós compartir a vivenvia ao través dos comentarios:

a) Fai unha pequena listaxe coas 5 aprendizaxes máis salientables.

b) Que grupos de seres vivos recordas ter visto? (nomes das familias?) Cales foron os que máis te chamaron a atención e por que?

c) Valora a saída (do 1 ao 10). Argumenta a túa resposta.