Durante dúas semanas os alumnos/as de 5 anos tiveron a oportunidade de aprender sobre os dinosaurios. 100% en Inglés.
Despois de traballar a hibernación na que obviamente se falou de réptiles, trouxemos a colación o asunto dos dinosaurios. Este tema funcionou como un «flashback», contándolles primeiro que xa se extinguiron e que presumiblemente foi por mor dun gran meteorito que impactou na Terra, a gran bola na que vivimos que é coma un gran imán que atrae todos os materiais, non só metais ( concepto preparado previamente na experiencia con imáns). Así que:
Como sabemos que existiron?
Porque os paleontólogos desenterran os fósiles (que poden ser ósos, pegadas…) e despois montan o esqueleto, coma se fose un crebacabezas, no laboratorio.
Unha vez ensamblado, péganlle plastilina por todo o esqueleto, e cando está todo recuberto saben como serían con carne e pel, inda que sen pelo.
Unha vez que descubrimos como eran, aprendemos a diferenciar entre uns e outros e a clasificalos, decatándonos que os que comían plantas andaban a catro patas e os carnívoros andaban a dúas. Todos puñan ovos, e había dinosaurios grandísimos e tamén moi pequenos.
Despois hai que traballar no escenario que daquela había no noso planeta. Non había estradas, nin xente, nin casas. Era todo natureza. Así que usamos maquetas e dioramas.
E si, seica había moitos volcáns. Así que realizamos un experimento científico para facer un.
- Divídense os nenos en grupos de 3 ou 4, e cada grupo recibe o seguinte material
- un vaso plástico transparente con auga,
- un vaso plástico transparente con vinagre,
- Unha cartolina azul con azucre enriba,
- unha cartolina vermella con sal enriba,
- unha cartolina verde con bicarbonato sódico enriba,
- Unha folla para levar o rexistro do experimento.
E por quendas van probando os distintos compoñentes, debuxando unha cara triste se non reaccionan (por exemplo o sal co vinagre, ou o bicarbonato coa auga) ata que finalmente conseguimos unha reacción química (bicarbonato sódico con vinagre).
Por suposto, esta é unha actividade moi dirixida polo mestre, na que cada elemento (azucre, sal e bicarbonato sódico) é introducido paso a paso e todos e todas participan, cheirando, probando, coloreando e debuxando.
Agora toca probar a nosa reacción química no volcán da maqueta e tratar de emular a erupción da lava, así que lle botamos un pouco colorante laranxa. Queda ben claro que a lava real son rocas fundidas pola calor.
E por último os grupos asignados saen ao patio de area con botes para formar volcáns e poñer en práctica o aprendido.