Nos inicios de Anatomía, e a modo de paseo pola disciplina de Histoloxía, parámonos a investigar os distintos tipos de células que conforman o noso organismo.
Con elas confeccionamos un autorretrato, dende a liberdade, de enfoque máis artístico, rememorando tamén a importancia que tivo a Arte no desenvolvemento e evolución da Anatomía como disciplina científica; simbiose especialmente relevante no nacemento desta (s. XV-XVI: Leonardo da Vinci, Andrés Vesalio, etc.)
Sirva tamén, nos cruentos tempos que corren, para alzar a voz sobre a necesidade de comprender que todos estamos feitos da mesma materia, todos temos a mesma raíz… e can importante é que así o entendamos e respectemos. As diferenzas marcámolas nós.
Tres meses atrás, así comezabamos a coñecernos, a romper o xeo e traballar na Anatomía… “empapelando alumn@s”!
Coma ocorre en tódolos comezos de curso: moitas inquietudes, incertezas e nervios… pero nada mellor que comezar con unha dinámica que nos permitise estar relaxados e aprendendo, ou repasando conceptos previos, dende o ensaio-erro e o divertimento.
Recordo cun sorriso eses primeiros encontros e agradezo a boa dispoñibilidade do grupo, dende o inicio, para lanzarse con ganas ao baleiro, coma un equipo.
Polo camiño, embebémonos nun bonito proxecto artístico no que tivemos que investigar sobre os diferentes tipos de células que forman os nosos tecidos, e polo tanto órganos, e facer de modelos para recrear un autorretrato moi especial… pero isto merécese unha entrada á parte.
Dinámicas varias, ao través dos temas, fóronnos facilitando o achegamento aos contidos dun xeito máis ameno e, se cadra, eficaz. Pero unha vez avanzados en temario, tamén aproveitamos un par de sesións para abrirlle un oco á histoloxía e facer prácticas de observación de tecidos no laboratorio, tratando de achar as células que xa estudaramos (os diferentes e rebeldes tipos de miocitos!).
O certo é que é moi satisfactorio compartir o tempo con eles e ser partícipe da súa boa implicación e disposición. Así dá gusto! Moi ben traballado nesta 1ª avaliación, podedes estar orgullos@s!
Aproveitemos o parón, tamén preciso, para coller máis folgos e novas enerxías para o regreso.